Ernest Rutherford

Ernest Rutherford, Barón Rutherford de Nelson e de Cambridge, nado en Brightwater (Nova Zelandia) o 30 de agosto de 1871 e finado en Cambridge o 19 de outubro de 1937 foi un físico británico. Está considerado o pai da física nuclear. Dedicouse ao estudo das partículas radioactivas, clasificándoas en alfa (α), beta (β) e gamma (γ) e achou que a radioactividade ía acompañada por unha desintegración dos elementos. Estes descubrimentos, realizados na Universidade McGill, de Montreal, valéronlle o Premio Nobel de Química en 1908. Porén, Rutherford fixo os seus descubrimentos máis célebres despois de trasladarse á Universidade Vitoria de Manchester, no Reino Unido en 1907. En 1911 teorizou a existencia do núcleo atómico, no que se reúne toda a carga positiva e case toda a masa do átomo e deseñou un modelo atómico, ao que chegou para explicar o fenómeno da dispersión de Rutherford. descuberta por Hans Geiger e Ernest Marsden en 1909 baixo a dirección de Rutherford durante o coñecido experimento da lámina de ouro. Ademais, coa colaboración do seu discípulo Frederick Soddy, conseguiu a primeira transmutación artificial. Se durante a primeira parte da súa vida consagrouse por completo ás súas investigacións, pasou a segunda metade dedicado á docencia e dirixindo os Laboratorios Cavendish de Cambridge, no que se descubriu o neutrón, e no que se formaron Niels Bohr e Oppenheimer. A súa influencia neste terreo da física que descubriu foi pois especialmente relevante.


Developed by StudentB